Ratopincho

Correo Imprimir PDF

   Rato acicalouse de mañanciña para ir á escola. Mais cando ía saír, apareceulle un problema: ao pé do seu burato estaba o gato, que aquela mañá non almorzara. E el non quería faltar, pois celebraban o Magosto.

  Disfrazouse de vampiro e botou fóra, pero o gato abalanzouse sobre el e case o pillou coas súas gadoupas: seica o recoñeceu polo olfacto.   Probou vestido de señora con perruca, tacóns e toda perfumada, mais pouco lle faltou para quedar entre os dentes do gato, que lle contou que o descubrira polo rabo. Vestiu logo unha lata de pementos morróns, puxo de casco un dedal na cabeza, unha agulla de calceta fixo de lanza e montou a cabalo dunha vasoira de váter da xente. Talmente un cabaleiro disposto a enfrontarse ao dragón. Desta vez o inimigo pegoulle unha poutada á lata, que baixou a rolos polo camiño ata bater contra unha árbore. Saíu dela mareado e agachouse debaixo dun ourizo seco das castañas. Cando o gato o descubriu e el daba todo por perdido, un enormísimo laio espantou até os paxaros: o gato, que cravara unha espiña na lingua, fuxiu miando desesperado.
  Rato puido ir á escola, seguro baixo o seu traxe de camuflaxe. Mais cando chegou xa o magosto rematara. ¡Mágoa de banquete perdido! Entón Venturiña, a fermosa profe de Educación Fisica pousou os seus doces beixos no bico do seu fociño. Daquela, a fame pasoulle de golpe e o seu corazón inchoulle até case rebentar a pelica de picos... ¡Ai, o amor!

 

images/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho1_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho2_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho3_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho4_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho5_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho6_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho7_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopincho8_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopinchobolsas_75_100.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopinchocapas_75_46.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopinchofondoteatrillo1_75_55.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopinchofondoteatrillo2_75_55.jpgimages/resized/images/stories/demo/publicacionesinfantiles/ratopincho/ratopinchofondoteatrillo3_75_60.jpg